A Axencia Galega das Industrias Culturais «Agadic» e a Federación de Cineclubes de Galicia «Feciga» asinaron un convenio de colaboración para o desenvolvemento neste ano, dun programa de ciclos e semanas de cinema, nunha ducia de localidades en Galicia, mediante o que a Axencia da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria contribúe con 24.000 euros co obxectivo de contribuir ao mantemento dunha programación estable nos cineclubes galegos, e impulsando a súa labor de difusión cultural e da produción galega en particular.

A «Feciga» agrupa a práctica totalidade dos cineclubes existentes en Galicia, botou a andar en 1984 e, desde entón, vén funcionando como xestora destas asociacións, ao tempo que presta servizos de asesoramento e organiza proxectos de difusión cinematográfica con diferentes entidades públicas e privadas. Este labor de promoción é especialmente destacado no caso do cinema galego, que se exhibe tamén en Portugal en colaboración coa Federação Portuguesa de Cineclubes.






