A Federación de Cineclubes de Galicia «Feciga», súmase á campaña «En negro contra as Violencias», co gallo do día Internacional contra a violencia de xénero o 25 de novembro (25N).
Os cineclubes entenden que a loita contra as violencias e a procura da igualdade real entre homes e mulleres é unha cuestión de educación e que vai máis aló das campañas institucionais da Administración; por iso, coa colaboración e complicidade do director Álvaro Gago, programa as curtametraxes «Suc de Síndria» de Irene Moray e «16 de Decembro» de Álvaro Gago Díaz, nas datas, cineclubes e lugares que deseguido se detallan:
- 18 de novembro:
- Ás 20 h., No cineclube Carballiño, Auditorio Municipal Manuel María, O Carballiño (Ourense)
- 21 de novembro:
- Ás 20 h., No cineclube Valle–Inclán, Auditorio Vello Cárcere, Lugo (Lugo)
- 22 de novembro:
- Ás 21 h., No cineclube Cangas, Auditorio Municipal, Cangas (Pontevedra)
- 24 de novembro:
- Ás 20 h., No cineclube A Lanterna, Casa da Cultura, Viana do Bolo (Ourense)
- 25 de novembro:
-
- Ás 18 h., No cineclube Padre Feijoo, Casa da Cultura, Ourense (Ourense)
- Ás 18 h., No cineclube Os Papeiros, Cinema Palleiriso, Garabelos (Lugo)
- Ás 20:30 h., No cineclube Lumière, Auditorio Municipal, Vigo (Pontevedra)
O acceso á sesión dos cineclubes participantes, en todas as localizacións, é de balde até completar a capacidade do lugar.
As curtametraxes

«16 de Decembro» é unha curta dirixida por Álvaro Gago Díaz e producida por Ringo Media e Sombriza Films. Protagonizada por Cris Iglesias. Estréouse no Cinema Jove de Valencia e no Locarno Film Festival (ámbito nacional e internacional respectivamente).
Sipnose: Sábado. Cae a noite. O balón móvese rápido dun lado a outro. Os corpos buscan introducirse nos ocos que deixa a defensa. Lucía, vinte e cinco anos, sae de adestrar a balonmán e vai buscar ao seu irmán en moto baixo as luces dunha cidade que cre coñecer.
14 min. VOSE.

«Suc de Síndria» é unha curta dirixida por Irene Moray e producida por Distinto Films. Protagonizada por Elena Martin e Max Grosse. Estréouse na Belinale.
Sipnose: Bárbara e Pol vanse uns días de vacacións. Rodeados de natureza e amigos, buscan pasalo ben e á vez atopar un espazo tranquilo para gozar da súa intimidade. Co apoio de Pol, no medio da natureza, entre bágoas e risas, Bárbara aprende a soltarse, sanar vellas feridas e redefinir a súa sexualidade.
22 min. VOSE.
Folla de sala: ND.
Manifesto 25 de novembro
En Negro Contra as Violencias
Nesta edición de «En negro contra as violencias» todos os axentes implicados na implementación da campaña aunamos as nosas voces nunha mensaxe común de rexeitamento das violencias machistas, ao longo de todo o ano, pero moi especialmente neste 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación das Violencias Contra As Mulleres. Deste xeito, amosamos públicamente o noso compromiso na loita contra todo tipo de violencias exercidas contra as mulleres, comprometéndonos a sensibilizar neste senso no ámbito administrativo, comercial, de ensino e no tecido asociativo.
«A violencia de xénero non é un problema que afecte ao ámbito privado. Pola contra, maniféstase como o símbolo máis brutal da desigualdade existente na nosa sociedade. Trátase dunha violencia que se dirixe ás mulleres polo feito mesmo de selo, por ser consideradas, polos seus agresores, carentes dos dereitos mínimos de liberdade, respecto e capacidade de decisión…»
Exposición de Motivos da LO 1/2004, de 28 de decembro de Medidas
de Protección Integral contra a Violencia de Xénero [BOE-A-2004-21760]
A Federación de Cineclubes de Galicia «Feciga», xunto a outros cento vintecinco concellos, milleiros de establecementos, empresas e colectivos que están a tinguir Galicia, unímonos a esta acción social contra as violencias machistas para manifestar a máis absoluta repulsa ante todo tipo de violencias contra as mulleres, e de xeito máis enérxico, a súa consecuencia máis extrema, os asasinatos.
Este ano —segundo datos oficiais— foron asasinadas 51 mulleres en España, sen contar as mortes «colaterais», asasinadas por estar ao lado da vítima, por ser irmá, filla ou nai. No caso de Galicia o contador suma xa cinco. Cinco mulleres foron asasinadas a mans de homes dos que pretendían afastarse: Maria José, Sandra, Alba y María Elena en Valga e Mari Carmen en Vilalba. A rabia e o desconsolo fainos seguir avanzando nesta andaina, e empúrranos a vestir de negro como símbolo de loito, pero tamén de loita.
Sabemos que a morte é a última e máis extrema das violencias machistas, pero que son moitas máis e de moi diferentes formas as violencias que rodean e perseguen ás mulleres. Nos últimos meses atopámonos coa dobre agresión que sofren as mulleres vítimas de violacións en grupo e de sentenzas que subestiman a situación de indefensión ante os agresores. Para afrontar todas estas violencias, é preciso recoñecer as graves fendas de xénero existentes no ámbito social, económico, cultural; compre atallar as causas estruturais e sociais que sustentan estas desigualdades a través de políticas reais para a promoción da igualdade e a prevención das violencias, contemplar recursos humanos e económicos para o seu correcto desenvolvemento, no ámbito da educación, da xustiza, dos coidados… por iso, este ano, queremos precisamente incidir na prevención, facendo o chamamento de CONTRA AS VIOLENCIAS, EDUCACIÓN!
Tamén queremos denunciar a complicidade de quen acubilla e silencia estas violencias, porque quen actúa con complicidade e mirando para outro lado, tamén é culpable!
Desde a Federación de Cineclubes de Galicia «Feciga» queremos reiterar neste 25 de novembro, o noso compromiso na loita pola erradicación das violencias contra as mulleres e combatelas con todos os recursos ao noso alcance, e incluír a todas e a todos nesta loita, axentes sociais, institucións, cidadanía, medios de comunicación… recoñecendo a importancia do papel das entidades locais en tanto poderes públicos próximos ás realidades que viven as mulleres e as crianzas.
Xuntas, en rede, será máis doado seguir!









0 comentarios:
Publicar un comentario
Por favor teña en conta estas pautas...
Evite os insultos, palabras groseiras, alusións sexuais, vulgaridades o vulgares simplificacións.
Non sexa gratuitamente ofensivo, e menos aínda, inxurioso.
Os comentarios deben ser pertinentes. Respecte o tema formulado no artigo ou aqueles que xurdan de xeito natural no curso do debate.
En Internet, adóitanse utilizar alcumes no canto do propio nome, pero usurpar o/a doutro/a lector/a é unha práctica inaceptable.
Non escriba en MAIÚSCULAS. Na linguaxe de Internet interprétanse como gritos e dificultan a lectura.
Calquera comentario que non se ateña a estas normas poderá ser borrado e calquera comentarista que as rompa habitualmente poderá ver cortado o seu acceso aos comentarios do blogue e demáis sitios da «Feciga»